Friday 17 de May de 2024

O concello programa catro obradoiros infantís no Museo Golmar


A inscrición, dirixida a nenos de 6 a 12 anos de idade, é gratuíta e xa está aberta.

O Centro de Interpretación dos Muíños de Auga da Costa da Morte, en Golmar, acollerá neste mes de setembro e en outubro catro obradoiros infantís de diversas temáticas relacionadas co medio ambiente, o patrimonio local, a ciencia e as artes escénicas.

Cada obradoiro constará de dúas fases. A inicial será a divulgativa, na que os asistentes realizarán unha visita guiada polo museo e aprenderán o funcionamento dos muíños de auga, ademais de coñecer a importancia histórica que tiveron tanto na Laracha en particular como na Costa da Morte en xeral. A continuación desenvolverase a fase participativa, consistente na realización das actividades e xogos cunha metodoloxía lúdica e didáctica.

O primeiro dos obradoiros realizarase o 23 de setembro (10:30 h) baixo o título Museo e vida mariña. Coa axuda dun gran panel, explicarase a complexa vida nos mares e océanos, expoñendo os diferentes seres vivos que forman parte do mundo mariño.

O 30 de setembro (10:30 h) será a quenda para Museo e pan, unha actividade clásica na programación municipal na que os asistentes comprenderán a relación directa entre os muíños e ese elemento esencial da nosa alimentación. Durante a xornada aprenderán a facer un boliño que cocerán no forno de leña da Panadería Antonio, situada xusto a carón do museo.

Xa en outubro, o día 21 (10:30 h), en Museo e ciencia faranse experimentos elementais de electricidade estática, electromagnetismo e óptica, coa explicación do concepto básico das leis físicas que gobernan as probas.
Por último, o 31 de outubro (17:30 h) pecharase a programación con Museo e Samaín. Os asistentes xuntaranse na lareira do centro de interpretación, desde onde farán unha viaxe a 1923 da man dun druída que, coa axuda dos nenos, cociñará dúas receitas máxicas que revelarán o camiño para atopar o tesouro do moucho.
Estes obradoiros van dirixidos a nenos de entre 6 e 12 anos de idade empadroados no termo municipal da Laracha. A inscrición, que é gratuíta, xa está aberta e debe formalizarse no Concello ou en liña cubrindo o formulario que está dispoñible na web municipal.